martes, 22 de febrero de 2022

 Antes de mudar os tempos (e as vontades)


(Escrito para a homenaxe a José Afonso en Redondela, 26-Feb-2022)


Situémonos. No tempo e no espazo. O tempo: antes daquel 25 de abril de 1974. O espazo: por aquí adiante. Daquela, Portugal era un país alleo, de onde viñan pequenos estraperlos de café e cobre; había unha fronteira fluvial e unha ponte de ferro en Tui, que se podía cruzar se se tiña un “pase-de-frontera” expedido polo Goberno Civil.  Un día, mellor dito, unha noite a Rádio Renascença, unha emisora que eu escoitaba porque tiña as novidades musicais de Inglaterra, tocou a iso da media noite unha canción que xa puxeran outras veces e que chamaba a atención polo insólita: “Grandola, vila morena” E aí empezou outra Historia de Portugal e, como unha pandemia, tamén en Galicia e tamén en España.

Pero as fronteiras seguían no seu sitio, na ponte de ferro, cunha Aduana pola beira de acá e unha Alfándega pola de alá. Pero o asunto xa era distinto, sacamos todos uns pasaportes verdes cunha aguia imperial que nos permitía cruzar a ver que pasaba no outro lado. E comezamos a descubrir a vida de alén e a xente do alén comezou a descubrirnos. Os que vivíramos tempos de estudantes na Compostela do 68 (si, eu estiven tamén no paraninfo de Medicina na presentación das Voces Ceibes, e si, tamén estiven no campo de fútbol do campus para ver o concerto, interrompido pola chuvia, de Raimon)  eses dos que falo descubrimos outras musicas, e fomos a Portugal, cos nosos coches pequenos por aquelas estradas de paralelepípedos e, de volta, traíamos manteiga salgada, Mateus Rosé, un Ferreira do Porto e as Cantigas de Maio de José Afonso. O material comestible viña ven á vista, o disco, agachado debaixo dos asentos. E cando nos preguntaban se tiñamos algo que declarar, sempre me viña á memoria aquela canción de Georges Moustaki: “je declare l'état de bonheur permanent”

Aquel disco prohibido, cun deseño simple, unhas mans de cores sobre un fondo branco, foi un fito importante en todos os que fedellabamos nos eidos das músicas. Non só pola importancia do autor e o seu papel entre fronteiras, senón porque alí había outra dimensión, outro xeito de facer cancións, unha inxente mistura de estilos, folclores, utilización das palabras como nunca se vira antes. Son músicas que resistiron ó paso dos anos e aínda hoxe teñen o valor que tiveron no seu tempo e momento. 

José Afonso era, dentro do contexto portugués, e mesmo mundial, un cantante e compositor distinto, único. Os seus discos conseguían interesarnos ata o punto de facer de cada canción un estudo en profundidade; aparentemente eran músicas e letras sinxelas, pero en canto se rascaba un pouco na codia da canción, a cousa era diferente; as producións dos discos eran o aproveitamento minimalista dos recursos instrumentais. As líricas eran outra historia; acostumados a versos directos nas cancións que escoitabamos, dixerir cousas como “Nefertite nao tiña papeiras” ou “Era un redondo vocábulo”; unha especie de hermetismo musical que nos apaixonaba.


E un día, xa na nosa transición democrática (en verdade transitamos de cara a unha democracia?) anunciaron: José Afonso, en Redondela. E foi. No pavillón deportivo, unha tarde sen moita cerimonia. O cantante viña en tren (no comboio ascendente) con dous músicos de acompañamento e os instrumentos. En Tui, pasada a Aduana sen nada que declarar, os agardaban amigos de Vigo para trasladalos e aloxalos nos seus domicilios. Alí, no pavillón, estabamos un público fiel e devoto. Debeu ser a primeiros dos anos 80, porque meus fillos eran pequenos e pedían unha e outra vez que cantara “Milho Verde”, que era a canción que escoitaban na casa e que máis lles aquelaba. No entremedio, o cantante baixou do estrado e alguén mo presentou; penso que foi a xornalista e amiga Begoña Moa, que, seguramente estaba no grupo de persoas que os trouxeron. Alí estivemos falando, posiblemente de músicas ou de calquera cousa. Logo continuou o concerto, e cantou Milho Verde entre outras cousas. 

Ignoro a data e a ocasión daquel concerto. Non atopei dato en papeis oficiais sobre quen o contratou (o concerto era público e municipal) O único que queda era o recordo dunha conversa entre cancións. Asistín a outros concertos (lembro un no pavillón de Vigo no que actuaron tamén Carlos Puebla y sus Tradicionales) e co correr dos tempos convertinme nun de tantos coñecedores da obra de José Afonso, e gardo, xunto cos discos de vinilo (non podería ser de outro xeito) toda a literatura sobre a figura dun cantor auténtico, dunha persoa sen rimbombancia co que estiven conversando unha vez hai ben de anos para conservar a memoria e a nostalxia.


E non quixera acabar sen sumar unha referencia que me achega miña filla Ana, a que reclamaba aquel Milho Verde; son frases pronunciadas por outro cantante portugués, un salto no tempo no que Salvador Sobral dixo na gala dos premios da música e a poesia galego-portuguesa Auditorio de Galicia - Santiago de Compostela en 2018:


“Toda Espanha ten as costas voltadas para Portugal e a Galicia de repente está eternamente apaixonada por Portugal. Ás veces sinto que non é recíproco porque os portugueses non saben moito sobre Galicia e non se interesan moito, mais vamos mudar iso, eu vou chegar e dicer: “Ai, ó final eles son simpáticos, non é?”. 

Este tipo de iniciativas son para fomentar esa amizade, porque xa fomos un, e  por que non seguir sendo un doutra maneira, non?”


Estas palabras –engade Ana– só se poden entender coma consecuencia do salto de fronteiras que fixera José Afonso naquel tempo pasado. Un salto que foi máis que físico: foi musical e cultural; 

Grazas a aquelas decisións, hoxe en día, autores portugueses coma Salvador seguen bebendo da música do Zeca e nadan con el nas augas do Miño para seguir chegando a nós. 

Isto non sería posible se, hai 40 anos o Zeca non mirara cara ó mar portugués do norte e Galicia non se sorprendera descubrindo que tamén toca mar polo sur. 

sábado, 12 de febrero de 2022

 A nostalxia é como é 

Ven a ser un patrimonio e privilexio das persoas de “certa idade”; cando deixamos máis vida por atrás da que nos agarda por diante temos dereito a repensar un pasado que nos mira dende unha fotografía antiga. Chegados a ese punto activamos o recordatorio e revivimos momentos particulares nos que tiñamos a mesma idade que agora teñen os nosos netos. Os nenos perdidos do país de Nunca Xamáis dos que falaba o libro eran figuras da memoria, anacos de pasado, fantasmas da nostalxia. Viven frescos dentro de nós, poida que nos rouben un pequeno sorriso e, ao final, non queda máis que fume



lunes, 31 de enero de 2022

 Anti clerical


Nunha viaxe que fixermos hai anos cuns amigos a Sicilia chamounos a atención –entre outras curiosidades– unha pintada nunha igrexa do centro de Palermo: “Cloro al clero. Viva Giordano Bruno”. A pintada, á par que anticlerical estaba feita ás claras por un grafiteiro culto. Por un lado pedía unha limpeza no clero a base de botarlle lixivia, e polo outro reivindicaba a figura do frade heterodoxo que foi queimado vivo por afirmar teorías que hoxe son evidencias científicas. Como en outros notables casos como  Copérnico ou Galileo, a Igrexa Católica, que sempre considerou que un pensador con cabeza propia é un perigo (porque é mellor ter fe, que, a fin de contas é pensar coa cabeza prestada), aplicou en casos como este o perdón vaticano, que consiste e facerlle a vida imposible a Galileo e pedirlle perdón uns séculos despois. (Máis datos sobre Giordano Bruno, na Wikipedia; a súa estatua está en Roma, nunha das prazas máis fermosas da cidade, no Campo dei Fiori, onde foi executado)

A insoportábel levedade de ser anticlerical vai, no meu caso, parella co respecto que deben merecerme as institucións sociais, relixiosas ou de calquera outra caste e condición. Vaia isto por diante porque, a partir de agora voume referir á Igrexa Católica española de agora mesmo, xusto en dous aspectos que son noticia fresca: a enorme inmatriculación de bens a nome da entidade espiritual e a actitude episcopal diante dos numerosos casos de abusos de pederastia por parte de membros consagrados da Igrexa.  No primeiro caso converteron á corporación relixiosa na máis grande empresa inmobiliaria do país, e no segundo, a Conferencia Episcopal  dedicouse a mirar pasar avións mentres medran as acusacións. Insisto, para falar de estes temas polémicos, nos que xeralmente hai máis barullo que  ideas e onde pode máis a tripa que a cabeza, mando por diante un pouco de respecto nas miñas opinións.

O primeiro dos temas é de índole económica; a Igrexa ven, desde tempos pasados –“ma non troppo”– nos que se constituía como poder efectivo. Sería fácil sacar a relucir frases dos Evanxeos como a de darlle ao César o seu, e a Deus o que corresponda. Polo visto, os grandes estrategos da fe prefiren acugular todo no mesmo saco: o do César e o de Deus e logo facer caixa. Como potencia económica, a Igrexa é impune gracias a concordatos eternos que ninguén intenta poñer ao día. Baste con dicir que agás das inmatriculacións, a estrutura económico espiritual manexa as finanzas en diñeiro negro (vodas, bautizos, enterros, misas de ánimas, todo vai cobrado sen factura nin iva, e a iso hai que engadir as esmolas) Lembran aquel roubo do Códice Calixtino? O fulaniño aquel tamén levara no mesmo lote unha cantidade en metálico que non estaba contabilizado, e nin se decataran do roubo.

Referente ao outro tema, os casos de pederastia, España (a España católica) vai a anos luz da xustiza internacional; os casos de abusos nas igrexas, que lle custaron unha millonada á dioceses de Boston, hai anos, está agora en investigación e xuízos en toda Europa; o mesmo Papa pide a cada momento  que se apliquen as leis a estes casos. Tamén está a cuestión da homosexualidade, que aflora en toda Europa e pon cara a relixiosos que afirman a súa condición. Pero os bispos españois nin investigan as denuncias nin aceptan a homosexualidade (hai bispos incluso que afirman que é unha enfermidade e que se pode curar con rezos).  Confunden pecado con delito; o primeiro poden perdoalo nun confesionario, pero o segundo hai que xulgalo en tribunal ordinario e, chegado o caso, sentencialo segundo as leis do Estado.

Vistas así as cousas calculo que os representantes católicos de España, salvo as excepcións debidas, volverían a queimar a Giordano Bruno, pero esta vez, con gasolina. 

E insisto, todo isto co máis profundo respecto debido pola miña parte. Aínda que en cuestións de respecto eu sigo aquela norma que aprendín cando mozo nun letreiro que campaba nunha barraca de tiropichón, nas festas da Coca da miña vila; dicía: “Respete y será respetado, quien rompa el espego, lo paja”  Pois iso, alguén ten que empezar a “pajar” polos “espegos” rotos. 

martes, 25 de enero de 2022

 Libro do Café - Un barrio da infancia 



Nesta páxina, a ilustración ven a ser unha vista de paxaro ou de dron dun barrio de Redondela que corresponde coa miña infancia. Deixo á interpretación dos lectores adiviñar cada esquina daquel lugar, hoxe totalmente transformado, non sei se para ben ou para mal; cada quen pode opinar, que, de momento, é gratis.

miércoles, 19 de enero de 2022

 Tempos confusos


Dicía Bertolt Brecht (e non Golpes Bajos, como pensa moita xente) que son malos tempos para a lírica. Tampouco, penso eu, son bos tempos para a épica. Non son bos tempos para nada, excepción feita para as empresas farmacéuticas, que se sempre son beneficiarias da rendibilidade e o valor engadido das miserias do mundo, neste caso, os beneficios son terriblemente inmorales. Os tempos son confusos e nesa cerimonia da confusión sempre gañan os mesmos. Neste andazo pandémico nacen palabras que aprendemos inmediatamente polo noso ben: vacinas, con nome propio, non como antes, que –supoñamos– a vacina da gripe ou do sarampelo eran iso, a vacina da gripe e do sarampelo, sen marca rexistrada; acudimos a que nos fagan a “pe-ce-erre” con experiencia demostrada, con camiño coñecido e coa comunicación por “ese-eme-ese” para saber se somos negativos ou positivos; dominamos a técnica da avaliación por antíxenos e nos convertemos en expertos analistas, furando o nariz, metendo o moco no tubo e agardando que a raia suba polo plástico; incluso somos facultados para nos dar unha baixa laboral, cousa nunca vista. Vamos dun lado para outro cun certificado de vacina ou algo parecido, metido nun cadrado máxico dentro do móbil. Pero a partir de aí todo é confuso. A palabra imperante é Protocolo, que ven a ser como os mandamentos escritos na pedra do Sinaí. Cunha enorme diferencia: non están ben escritos e mudan a cada momento. Un exército de rastreadores trata de seguir a pista de miles de persoas que tomaron xuntas o vermú, foron a un partido de fútbol ou coincidiron a tomar as doce uvas. Traballo pouco menos que imposíbel.

E agora, xa trivacinados, enmascarados, despois de facer todas as probas que nos converten en negativos, aínda as cifras de xente “tocada” polo becho é enorme. Certo é que a virulencia de contaxio ven a ser coma unha gripe, pero a xente segue sen saber que facer. Na memoria histórica da Medicina podemos lembrar aquela Gripe Española que arrasou con poboacións enteiras nun tempo en que non había nin test nin móbiles nin información do asunto. Lembramos como famosa unha Gripe Asiática nos anos 1957-58 que tamén foi mortífera. Agora lidamos con este reboutallo de ideas, decretos, ocorrencias e sentencias que temos que cumprir sen saber ben como.

Os tempos da pandemia son confusos e todos, pacientes ou impacientes tratamos de sacar a cabeza fóra da confusión. Os tempos da sociedade deste primeiro cuarto do século tamén son confusos. Vivimos nunha aparente democracia, cunha sociedade de escasa preparación política e cuns políticos de escasa preparación social e moral. Todo se enmaraña; toda a clase política de Occidente (cadaquén entenda ese concepto) vive nunha confusión, todos pasan o seu tempo de políticos nunha dialéctica pobre e falsa; nunca houbo tanta mentira impune a circular polos vieiros dixitais, que é onde se mostran os políticos. A vella frase, “quen vixía ao vixilante?” faise necesaria. Non hai control de nada, os xuíces amosan un poder confuso, a máxima agrupación xudicial caducou fai tres anos e ninguén ten a decencia de dimitir unha vez acabou a función; a imparcialidade e xusta aplicación das leis perdeuse nun mar de contradicións e impunidades. A tendencia de gobernantes variados pasa a ser unha estratexia para conservar o poder que lles toca por elección democrática, unha elección que semella máis un concurso televisivo que unha cerimonia electoral. Esquecemos que a sociedade ten, de por si, un pacto co Estado; nos, os cidadáns conformamos o Estado e o Estado ten a obriga de protexernos, de nós mesmos e dos gobernos que xestionan o bo funcionamento do Estado. Isto é así ou debera ser. Todo se confunde e todo se esquece, ata o máis elemental xogo político. 

Só unha cousa está clara: o número de pobres aumenta no mundo de xeito exponencial, ao ritmo da pandemia, mentres que o número de ricos é o mesmo, so que con máis cartos nos paraísos fiscais, onde non contribúen ao Estado e onde medran día a día as fortunas de forma obscena. Sen confusións.

viernes, 31 de diciembre de 2021

O libro do café



 O Libro do Café

Hai uns anos comecei a debuxar un libro que me regalaran aproveitando unha vella axenda de tapas de coiro e que reencheran de papel groso. Un día si e outro non, facía un deseño sobre a marcha cun texto de calquera ocorrencia que se me dera. 

Chameille O Libro do Café, tal como reza na primeira páxina (aquí arriba) e porque xeralmente as cousas se me inventaban soas no almorzo e usaba o pincel mollado no café para facer efectos ou deseños; é formidable a cantidade de posibilidades do café  como tinta de debuxo. Así que agora vou ir metendo de cando en vez unha páxina tras outra daquel libro que regalei a miña muller coa promesa de seguir facendo máis páxinas. Esperanza sempre me bota en cara que non volvín facer máis debuxos, pero calquera día retomo ao choio e sáenme máis páxinas. De momento ir tirando con estas. Obrigado.

domingo, 26 de diciembre de 2021

 Hai seis meses que decidira retornar a estas páxinas para escribir cando me apetecera e dos temas que me apeteceran, sen necesidade de horario nin día fixo. Polo visto as boas intencións pérdense por camiños inexplorados.


Pero vamos a intentalo de novo. Aquí estou, no ano dous da era das pandemias (pandemías, que din os portugueses) chegados a un punto da Sexta Ola e con un panorama digno dunha película de ciencia ficción de serie B. Son os tempos propicios para elaborar calquera teoría; todo mundo parece saber de todo, e aparecen teorías científicas que parecen obra de calquera dos malos de Batman.


Pero hai unha que acabo de descubrir en arquivos “cientificamente demostrados” (a frase é un clásico) que me chega por fontes dignas de todo crédito (outra frase clásica). É a seguinte.


Como todo mundo sabe e experimenta, a PCR consiste nunha palla que nos meten polo nariz ata o cerebro e logo meten nun tubiño para facer as análises (non as analíticas, que son outra cousa) e nos din se somos positivos ou negativos. A cerimonia xa pasou a ser, despois de dous anos, un clásico, xunto coas colas das vacinas. Pero, que sabemos desta operación?, que fan co pauciño dos mocos nos laboratorios? A resposta que dan os arquivos científicos e as fontes acreditadas é a seguinte: o pauciño que nos meten ten, en realidade un microchip (o famoso microchip¡) que nos coloca dentro nos nosos miolos un programa para converternos a todos en comunistas¡ De aí o nome, PCR: Partido Comunista Revolucionario. E así, coma quen non quere a cousa, nos están convertendo en marxistas máis ou menos leninistas. Isto está avalado por estudos dignos de crédito e cientificamente demostrados. 


Ben. Evidentemente todo este conto non e máis cunha broma que que acabo de inventar,  pero nos tempos que corren, un despropósito como ese, metido nas redes sociais e repetido por aí adiante, pode chegar a converterse en artigo de fe. Cousas peores esta a verse por aí adiante. Estamos nos tempos da ignorancia considerada como unha das belas artes. Os líderes mundiais, nacionais ou provinciais son, polo xeneral, dun nivel asustante. Un cúmulo de incultura, insensatez e chulería manda nas grandes decisións dun mundo no que o que máis importa é impoñer uns criterios particulares polo simple feito de que son os nosos. Trátase de pisar á competencia utilizando calquera medio que xustifique o fin que perseguimos. E mentres enchemos o mundo de parvadas, os grandes organismos internacionais sorrín e acumulan beneficios. Parafraseando a Monterroso, cando despertemos do noso pesadelo, o dinosauro do Capitalismo aínda vai estar aí.