lunes, 28 de junio de 2021

Retorno como o criminal

 

Retorno como o crimnal volve ao lugar do crime.

Hai máis dun ano que deixei de escribir neste blog como viña facendo de xeito regular. 

Resultou que hai días me pediron que pronunciase o pregón da Feira do Libro en Redondela, e sucedeu que o día estaba cruzado de chuvia e vento; o pregón houbo que lelo nas dependencias do auditorio municipal, onde, por causa dos protocolos pandémicos so deu cabida a ducia e pico de persoas. Así que reinauguro o meu blog con. esperanza (ilusa) de que o poidan ler algúnhas persoas máis. 

Creo que volverei a meter neste eido bloguero algunhas cousas que se me vaian ocorendo.


Grazas e saúde para todos.




Pregón da Feira do Libro


Boas tardes e bos libros


Antes de nada teño que dicir que non son moi amigo dos pregóns para anunciar festas ou  acontecementos, pero por circunstancias especiais en tempos especiais, vou a actuar como pregoeiro e así van ter a seguridade de que serei breve.


Cando eu era neno e os meus amigos tamén, hai ben de anos, de vez en cando saía polas portas da casa do concello, do concello vello, un rapaz batendo a todo bater nun tambor, unha caixa militar con aros dourados que, ao correr do tempo, acabou no soto da miña casa, a onde foi levado por meu irmán e a banda amigos que facían grupo. O rapaz do tambor era, como eu agora, o pregoeiro e recorría a vila Botando o Bando, e a xente saía as portas e preguntaba: “Para que é o bando?” e o rapaz respondía –supoñamos–: Para pagar a contribución. E proseguía pregoando a información percutida e barullenta pola vila adiante.


O correr do tempo mudou as vontades de facer as cousas; a contribución e todos os impostos municipais son de cobro automático e domiciliado nunha conta bancaria que non é máis que unha clave nunha pantalla. Toda a burocracia e toda a información e comunicación é, cada vez máis, un concentrado algorítmico que se refreixa no espelliño máxico co que tamén podemos falar por teléfono. Cada vez máis evolucionada, a pequena pantalla que levamos enriba nos controla, nos informa, nos fai rir, nos avisa e convértese na nosa pantalla de cine, no noso xornal diario ou no noso libro sen follas. Tamén é o noso control, o que nos identifica, o que avisa de onde estamos e o que facemos. Nin Orwell no seu libro 1984 pensou nun vixiante universal como o pequeno telefoniño móbil que xa non é telefoniño. George Orwell, tamén era un tocador do tambor do bando. “Para que é o libro, Orwell?” “Para que teñades coidado co que facedes coa democracia, que no é de pedra e pode romper”


Dentro de tres ou catro pandemias, a saber como será ese espello dominante no que xa lemos libros, vemos cine e pensamos que estamos informados, é temos o noso posto de traballo na nosa casa, polo cal xa é imposíbel facer asembleas de obreiros. Poida que, daquela, xa non teñamos nin feira de libros e todos, illados, confinados nunha burbulla de plástico, andaremos cos espelliños, conectados para todo, para pedir de comer, para votar aos políticos que só fan política contando chistes nas redes, para falar coa xente, para dar abrazos sen tocarse e bicos na pantalla, para cantar ao infinito e falar para a feira…. So vos pido que, chegado ese momento, no que probabelmente xa non estaremos moitos de nós, alguén teña un impulso de gardar un libro de papel, e cando lle pregunten: Para que é o bando?  Responda: para que a xente libre lea libros 

No hay comentarios:

Publicar un comentario