Un reparto para unha guerra
Cando os italianos inventaron para a historia do cinema o “spaguetti western” crearon ao mesmo tempo un código simple que permitía identificar perfectamente os “bos” e os “malos”, aínda que todos, desde o pistoleiro do poncho ata o mexicano da marihuana non pasaban de ser asasinos sen desculpa. Pero, daquela, un sentábase no cine e se divertía coas aventuras mortíferas de “El Bueno, el Feo y el Malo”, sabendo perfectamente quen era quen nese paradigma con música de Morricone.
Volvín lembrar aqueles filmes cando se nos deu por inaugurada a guerra na Ucraína. Unha estraña guerra que non se sabe se empezou, nin quen a empezou; o que si se sabe é que os papeis xa están repartidos e xa sabemos, antes de nada, quen é o Bueno, o Feo e o Malo (ademais de actores secundarios, extras con palabra e masas humanas en movemento) Se preguntáramos a calquera dos centos de persoas que se manifestan co Non á Guerra, como é esa guerra e por que se está a facer, seguro que non atopariamos unha soa contestación decente. Sabemos, iso si, que Vladimir Putin é o Malo, o que mata mulleres e nenos e invade un país que ven a ser o Bueno (colectivo). Pouca xente coñece os prolegómenos, os motivos iniciais e, o que é peor, esquecemos todas as demais guerras que existen agora mesmo polo mundo adiante.
Dicíame o outro día meu amigo Tonio que cando comeza unha guerra, a primeira vítima é a verdade. A frase non é del, pero é unha norma xornalística que nos incumbe tanto a el coma min pola nosa profesión. E a verdade, ou, mellor dito, a mentira, as miles de mentiras, circulan sen filtro algún polas redes sociais. Se facemos un pouco de historia podemos lembrar que a guerra de Vietnam foi a primeira en ser filmada case en directo, os xornalistas estaban alí a fotografar, escribir e contar e filmar para as televisións do mundo o que sucedía case ao momento, incluído o disparo na cabeza daquel prisioneiro atado, unha icona representativa daquel tempo.
A guerra de Iraq deu un paso adiante: comezou a unha hora en punto, para beneficio das televisións que a difundiron en directo, como se fose un partido de fútbol (lembran aquelas explosións no escuro dunha noite, unha especie de xogo de luces?). Despois chegaron visións en directo dunha guerra ignominiosa para maior beneficio da familia Bush, na que España participou cun barco e Marta Sánchez (unha magnífica forma de facer o parvo).
Pero esta guerra, aínda en fase de entendemento e con intentos de conversas para tratar de recompoñer unha situación confusa, vai máis ala. A tecnoloxía dos telefoniños permítenos estar en directo no cerne da cuestión; as imaxes xa non pertencen a arriscados xornalistas que poden ser mortos por disparos de calquera (lembren Couto ou Anguita no Iraq) senón a calquera veciño que a manda a un grupo de “guasaps” que acaba nun telediario . Nunha polémica amistosa coa miña filla (unha das poucas interlocutoras válidas que teño para casos coma este), chegamos ás conclusións seguintes: antes eran os periodistas os que informaban e agora somos todos (incluídas as vítimas da guerra). As noticias falsas existen sempre que hai información: por intención (no caso dos medios de comunicación) ou por non saber ser obxectivos nin contrastar (no caso das persoas de “a pé”). A “democratización da información” e a “dixitalización da información” están aquí: viñeron para quedarse. E teñen todo o poder gracias, en parte, á falta da credibilidade da neutralidade periodística (quen se fía hoxe en día das noticias “oficiais”?).
Mudaron os tempos, pero non todo para mal: agora todo o mundo ten un arma de información conectado por 4G. Iso fai que todos poidamos xogar a ser xornalistas no momento. E iso fai que a emisión de información se multiplique por mil, e chegue a nós ó segundo. A parte boa é que puntos de vista que antes nunca pasarían á posteridade, se difunden porque non necesitan do apoio da editora do xornal.
A parte mala é que a sobreinformación emborracha e nos deixa apampanados e require dun esforzo que non somos quen de facer.
Ao final estamos tan esgotados de traballar, tan atordados de tanta información e tan sobreexcitados de tanta manipulación, que necesitamos máis que nunca que nos dean mastigada a conclusión que temos que ter de cada tema e o reparto de personaxes.
Cerimonia da confusión
Xa temos unha guerra, xa temos os personaxes, temos imaxes sen filtro e seguimos sen explicacións claras dos porqués. Contemplamos a fuxida de mulleres e nenos mentres toda Europa organiza caravanas de autobuses e taxis para ir a Polonia; contemplamos aos políticos de toda Europa facéndose os chulitos (a algúns só lle falta o poncho de Clint Eastwood) e respirando porque mentres os cidadáns están convencidos dunha guerra cos papeis xa repartidos, non piden explicacións polas falcatruadas nacionais (a xentiña como Boris Johnson, metido en puro esterco político veu a salvalo a confusión ucraniana e agora é un líder guerreiro).
A xeopolítica mundial utiliza unha vella estratexia: poñer o foco nun punto (Ucraína) e deixar ás escuras o resto das guerras organizadas en todo o mundo polos mesmos gobernos, co respaldo das grandes corporacións e oligarquías, que actúan na sombra para beneficiarse do caos económico e humano. Mentres nos poñen de moda Ucraína esquecemos que existen polo menos unhas 60 guerras máis, das cales unhas dez son similares á de Ucraína con resultados en mortos e fuxitivos moi superior a esta. As de Yemen e Arabia (España vende armas a este conflito –a un país non democrático e feudal como Arabia, que executa 81 persoas só nun día–, por valor de 2.800 millóns de euros; unha boa maneira de pedir o Non á Guerra e facer caixa por detrás). Temos os conflitos esquecidos de Birmania, Afganistán, Etopía, Somalia e o Kurdistán, e os de Irael e Palestina (ocupación de territorios similar a ocupación de Hitler na II Guerra Mundial –a teoría do “espazo vital”–), sen esquecer que na Ucraína mantiñan un conflito armado con Donban desde 2014.
Todas estas guerras quedan tapadas para o mundo pola novidade actual.
Pero hai que lembrar que polo medio anda a OTAN, á que pertence España despois que aquel presidente cuxo nome non mencionarei, que armou un referendo para meternos de cabeza nunha organización armada na que, de entrada, non queríamos entrar. Lémbranse do que votaron naquel referendo? E do cabreo posterior? Pois ben, estamos metidos nesa organización militar a maior beneficio das industrias de armas. Todo ao servizo dos Estados Unidos de América, que ven a sen o patrón da OTAN (hai uns días, un alto militar portugués pronunciaba unha frase memorable: “A NATO –eles chámanlle así– é os USA, todo o resto é paisaxe”. Esa OTAN-NATO é a pedra fundamental desta guerra: Estados Unidos mete a OTAN-NATO na Ucraína, que é como meter o raposo no galiñeiro, e consegue cabrear ao Malo do filme, e con iso xa está armada, as consecuencias, que calquera podería anticipar, son as que aí están: un territorio desestabilizado, un continente (Europa) recibindo fuxidos sen estrear (os africanos das pateiras pasan ao esquecemento) mentres os Estados Unidos, na distancia contempla o negocio e o mundo faille boicot ao gas e o petróleo rusos, colapsa as exportacións ucranianas do millo e o aceite de xirasol, e os oligarcas fan subir os prezos da enerxía, dos bens de consumo e da vida en xeral. O mundo xa é máis pobre pola parte dos pobres, e máis rico pola selecta parte dos ricos. Ese parece ser o resume dun conflito difícil de entender, o único claro: metemos a OTAN, escangallamos o equilibrio internacional e nos forramos. Mentres os pequenos políticos locais fan minutos de silencio e poñen bandeiras ucranianas, nunhas cerimonias inútiles, os grandes políticos internacionais fan negocios. Iso é o que hai. Porque queremos que iso sexa o que hai. E porque non pedimos contas aos gobernos que están máis atentos a cumprir coas normas das oligarquías internacionais que a satisfacer aos cidadáns e procurar que todos e cada un dos cidadáns poidan vivir decentemente e cada país, tal e como manda todas as constitucións. do mundo enteiro.