lunes, 31 de enero de 2022

 Anti clerical


Nunha viaxe que fixermos hai anos cuns amigos a Sicilia chamounos a atención –entre outras curiosidades– unha pintada nunha igrexa do centro de Palermo: “Cloro al clero. Viva Giordano Bruno”. A pintada, á par que anticlerical estaba feita ás claras por un grafiteiro culto. Por un lado pedía unha limpeza no clero a base de botarlle lixivia, e polo outro reivindicaba a figura do frade heterodoxo que foi queimado vivo por afirmar teorías que hoxe son evidencias científicas. Como en outros notables casos como  Copérnico ou Galileo, a Igrexa Católica, que sempre considerou que un pensador con cabeza propia é un perigo (porque é mellor ter fe, que, a fin de contas é pensar coa cabeza prestada), aplicou en casos como este o perdón vaticano, que consiste e facerlle a vida imposible a Galileo e pedirlle perdón uns séculos despois. (Máis datos sobre Giordano Bruno, na Wikipedia; a súa estatua está en Roma, nunha das prazas máis fermosas da cidade, no Campo dei Fiori, onde foi executado)

A insoportábel levedade de ser anticlerical vai, no meu caso, parella co respecto que deben merecerme as institucións sociais, relixiosas ou de calquera outra caste e condición. Vaia isto por diante porque, a partir de agora voume referir á Igrexa Católica española de agora mesmo, xusto en dous aspectos que son noticia fresca: a enorme inmatriculación de bens a nome da entidade espiritual e a actitude episcopal diante dos numerosos casos de abusos de pederastia por parte de membros consagrados da Igrexa.  No primeiro caso converteron á corporación relixiosa na máis grande empresa inmobiliaria do país, e no segundo, a Conferencia Episcopal  dedicouse a mirar pasar avións mentres medran as acusacións. Insisto, para falar de estes temas polémicos, nos que xeralmente hai máis barullo que  ideas e onde pode máis a tripa que a cabeza, mando por diante un pouco de respecto nas miñas opinións.

O primeiro dos temas é de índole económica; a Igrexa ven, desde tempos pasados –“ma non troppo”– nos que se constituía como poder efectivo. Sería fácil sacar a relucir frases dos Evanxeos como a de darlle ao César o seu, e a Deus o que corresponda. Polo visto, os grandes estrategos da fe prefiren acugular todo no mesmo saco: o do César e o de Deus e logo facer caixa. Como potencia económica, a Igrexa é impune gracias a concordatos eternos que ninguén intenta poñer ao día. Baste con dicir que agás das inmatriculacións, a estrutura económico espiritual manexa as finanzas en diñeiro negro (vodas, bautizos, enterros, misas de ánimas, todo vai cobrado sen factura nin iva, e a iso hai que engadir as esmolas) Lembran aquel roubo do Códice Calixtino? O fulaniño aquel tamén levara no mesmo lote unha cantidade en metálico que non estaba contabilizado, e nin se decataran do roubo.

Referente ao outro tema, os casos de pederastia, España (a España católica) vai a anos luz da xustiza internacional; os casos de abusos nas igrexas, que lle custaron unha millonada á dioceses de Boston, hai anos, está agora en investigación e xuízos en toda Europa; o mesmo Papa pide a cada momento  que se apliquen as leis a estes casos. Tamén está a cuestión da homosexualidade, que aflora en toda Europa e pon cara a relixiosos que afirman a súa condición. Pero os bispos españois nin investigan as denuncias nin aceptan a homosexualidade (hai bispos incluso que afirman que é unha enfermidade e que se pode curar con rezos).  Confunden pecado con delito; o primeiro poden perdoalo nun confesionario, pero o segundo hai que xulgalo en tribunal ordinario e, chegado o caso, sentencialo segundo as leis do Estado.

Vistas así as cousas calculo que os representantes católicos de España, salvo as excepcións debidas, volverían a queimar a Giordano Bruno, pero esta vez, con gasolina. 

E insisto, todo isto co máis profundo respecto debido pola miña parte. Aínda que en cuestións de respecto eu sigo aquela norma que aprendín cando mozo nun letreiro que campaba nunha barraca de tiropichón, nas festas da Coca da miña vila; dicía: “Respete y será respetado, quien rompa el espego, lo paja”  Pois iso, alguén ten que empezar a “pajar” polos “espegos” rotos. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario